Saturday 04 de May de 2024

A Xunta dedica á mellora da sanidade pública e da calidade de vida das familias unha nova achega de case 60 millóns derivados dos recursos adicionais do cumprimento do déficit


No eido da Sanidade, explica que se destinarán máis de 24 millóns a incrementar a actividade asistencial, co obxectivo de rebaixar as listas de espera; axilizar a entrada en funcionamento de 24 novos centros de saúde e mellorar as infraestruturas hospitalarias

Logo de que a semana pasada se concretase dentro do superávit de responsabilidade, o primeiro paquete de prioridades dirixido aos nenos e aos mozos, Feijóo avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, un novo paquete de medidas co obxectivo de mellorar as condicións de vida das familias galegas en distintos eidos. “Destinamos deste xeito entre 58 e 60 millóns de euros do total dos recursos dispoñibles a catro grandes bloques de actuación: no ámbito da saúde, en materia de servizos sociais, en materia de vivenda e en materia de lecer”, precisou, asegurando que boa parte destes recursos destinaranse a continuar mellorando as prestacións da Sanidade Pública e as súas instalacións.

Con este obxectivo, explicou que se destinarán máis de 24 millóns de euros a tres medidas fundamentais. A primeira delas, a de incrementar a actividade asistencial, co obxectivo de rebaixar as listas de espera en consultas externas, en probas diagnósticas e cirúrxicas.

En segundo lugar, axilizarase a entrada en funcionamento de 24 novos centros de saúde. E, neste ano entrarán en funcionamento 12 novos ambulatorios públicos: Buño (Malpica), Villarrodís (Arteixo), Corveira (Culleredo), Temple (Cambre), As Neves (A Capela), Galeras (Santiago), Outeiro (Pontedeva), O Couto (Ourense), Valenzá (Barbadás), Tui, Marín e Panxón (Nigrán).

Procederase tamén á licitación das obras dos centros de Ares e Gondomar, así como á licitación doutros 10: Melide, Salceda de Caselas, Pereiro de Aguiar, A Estrada, Milladoiro, Narón, O Saviñao, PAC de Laracha, Paderne de Allariz e ampliación do ambulatorio Anafáns, en Poio.

“E imos equipar na súa totalidade todo o bloque cirúrxico do Hospital da Coruña -15 quirófanos novos neste 2016-; equiparemos completamente todas as habitacións do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que abriremos antes de finalizar este ano, e unha nova cociña; finalizaremos e equiparemos na súa totalidade a ampliación do Hospital Público do Salnés; e iniciaremos coa máxima capacidade construtiva posible a execución das obras do Hospital da Mariña”, dixo, ao que engadiu que tamén se farán melloras no resto do parque hospitalario de Galicia, referíndose ao Hospital do Meixoeiro, ao Hospital da Coruña, á zona de esterilización do Hospital do Salnés, á ampliación das urxencias do Hospital Materno da Coruña; ao hospital de día médico polivalente no CHUAC; á dotación do equipamento de dous novos quirófanos no Álvaro Cunqueiro; ao Plan director do Hospital de Ferrol; á ampliación do Hospital de Conxo, así como ás novas instalacións para as salas de resonancia nuclear magnética nos hospitais de Ourense, de Pontevedra e de Ferrol e á licitación do Plan funcional e do Proxecto sectorial de Montecelo.

Así mesmo, destacou que tamén se farán melloras para a ampliación das súas capacidades no Hospital do Salnés, no Hospital Clínico de Santiago, no Hospital de Verín, no Hospital do Barco, así como a actualización do equipamento de hemodinámica en Lugo.

No eido dos servizos sociais e a atención ás persoas con máis dificultades, Feijóo avanzou a construción de dous novos centros, un en Ourense e outro Monforte, é dicir, 413 novas prazas públicas e 623 traballadores. “E, para a terceira idade asumimos o compromiso de actuar en 74 centros: en 30 centros sociais e en 44 residencias e centros de día”, aseverou.

En materia de vivenda, destinaranse 4 millóns de euros ao Plan de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas galegas, que conta así cun orzamento total de preto de 12 millóns de euros. Isto permitirá atender os proxectos de substitución ou mellora de fiestras, cubertas, fachadas e ascensores, chegando a 1.200 familias. E, investiranse 3 millóns a unha nova edición do programa do Igape para melloras en cociñas e baños.

Sobre este segundo punto, Feijóo subliñou que o Reforma16 incluirá axudas que suporán rebaixas de arredor do 40% nos custos de materiais e mobiliario, xerando 32 millóns de euros en obras de remodelación, para atender a 5.000 solicitudes.

Así mesmo, destinaranse 8 millóns de euros para a compra do solo necesario para urbanizar a última fase de San Paio de Navia, en Vigo. E, sobre este aspecto, Feijóo explicou que, con esta iniciativa construiranse 1.600 vivendas protexidas “e, ademais, damos resposta a unha demanda histórica dos propietarios destas parcelas”.

Por último, e na liña do que se vén facendo a través do Plan Hurbe e do Plan de Infraestruturas comunitarias que xestiona Vicepresidencia e a Consellería de Medio Ambiente, destinaranse arredor de 10 millóns de euros a mellorar a habitabilidade de distintas vilas galegas, “cunha partida específica de 1,2 millóns de euros para o equipamento do Auditorio de Lugo”. E 2 millóns de euros para a reparación e mantemento de distintas instalacións deportivas, entre elas, o Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.